Falamos de futuro? Vémolo lonxe? Como o queremos? En que condicións? E cando cheguemos á xubilación? Como queremos vivila? Todo apunta a que imos ter que deseñala nós dada a escasa oferta existente con centros masificados, deshumanizados…
Sempre concibimos que un mundo mellor debía basearse nos principios de igualdade e participación, agora queremos procurar unha solución colectiva e auto-xestionada para vivir con dignidade a nosa vellez, con independencia e autonomía mais tamén con todo o apoio e compañía que precisemos.
A proposta é construírmos xuntxs o noso xubilar, onde, baixo principios de autoxestión e envellecemento activo, fagamos posíbel que cada persoa teña a súa propia vivenda, coa privacidade e independencia que isto supón, mais partillando os custes de todos os servizos de atención que poidamos precisar, desde limpeza ou cociña até enfermaría ou fisioterapia, e tamén, por que non, chegado o caso, todo tipo de atención á dependencia. Deste xeito, pretendemos fuxir do trato masificado e dos elevados prezos das residencias actuais, pois a nosa proposta non terá ánimo de lucro e será unha proposta nosa e para nós.
Cómo pensaches a túa vellez?Un marco que o fai perfectamente viábel. Dentro do “amplo” número de persoas (unhas 200) que partillarán Larlilás, ti e o teu grupo podedes atopar o voso espazo, para alén de desfrutar dunha contorna social mais ampla e en renovación constante.
Un grande número de persoas permite manter máis servizos e de maior calidade cun prezo máis axustado.
Un proxecto participativo e autoxestionado onde as persoas asociadas son as verdadeiras propietarias das instalacións e a Asemblea Xeral é quen decide sobre a xestión do Xubilar.
Un proxecto de envellecemento activo, onde a interacción coa contorna ocupará un lugar preeminente entre as actividades de Larlilás que, doutra banda, se construirá na proximidade dunha das grandes cidades galegas e perto da costa para facilitar unha activa vida cultural.
Para ubicar Larlilás buscamos terreos baleiros aínda que tamén sería posíbel rehabilitar edificacións que se poidan adaptar situadas en parcelas de tamaño suficiente.